miércoles, 19 de noviembre de 2008

Chámabase Aysha

A escena e propia do peor dos pesadelos, pero non pechen os ollos nin miren para outra parte, únanse á multitude que agarda para o espectáculo.
Xa traen á muller, vén atada de pés e mans e un saco negro cóbrelle a cabeza. Os verdugos arrástrana á forza e entérrana ata o pescozo nun foxo no medio da praza. Din que confesou ser adúltera e que pediu a sharia e o castigo da lapidación, pero non é certo. Nega esa confesión unha irmá e os berros de protesta da propia vítima que poden oírse a pesar do saco que lle cobre a cabeza.
Os familiares intentan achegarse a ela, pero os gardas disparan contra a multitude e matan a un neno. Xa ninguén protesta.
Cincuenta homes lanzan pedras contra a cabeza cuberta polo saco. Aos berros iniciais suceden laios cada vez máis débiles ata que se fai o silencio. Un dos verdugos vai comprobar se morreu: levanta o saco, a cara da muller está cuberta de sangue, un ollo rebentado colga pola meixela, o outro, desorbitado, pestanexa; cóbrea de novo e seguen a lanzar pedras.
Nótase que caen sobre unha masa amolecida. Levantan de novo o saco, rostro e cranio son unha masa esmagada e sanguinolenta, pero da gorxa xorde aínda un estertor. E volven as pedradas por terceira vez ata que, por fin, a muller é definitivamente silenciada.
Rematou o espectáculo. Que cada quen volva á súa vida ordinaria: os que teñen poder, a lamentar unha vez máis pola boca pequena os feitos, igual que nós lamentamos a nosa falta de activismo e o noso ollar para outro lado. Pero recorden polo menos isto: sucedeu en Somalia, chamábase Aisha, tiña vinte e tres anos e todos somos, en parte, culpables da súa morte.

Por Marina Mayoral

No hay comentarios: